MEDIO AMBIENTE

A Xunta autoriza un novo parque eólico nos montes de Piñor en Cea

Con este novo parque, que alcanzará unha produción aproximada de enerxía anual ao rededor de 88.500 MW por hora, o Goberno autonómico  suma 22 parques do concurso aprobados

O Consello da Xunta autoriza a primeira fase do Parque Eólico Serra do Faro, que estará situado nos concellos de Piñor e San Cristovo de Cea. Trátase dunha nova instalación, enmarcada no concurso eólico galego, que suporá un investimento de máis de 36,5 millóns de euros e que contará cunha potencia total de 27  MW a  través da instalación de nove aeroxeradores.

Con este novo parque, que alcanzará unha produción aproximada de enerxía anual ao rededor de 88.500 MW por hora, o Goberno autonómico  suma 22 parques do concurso aprobados, tras as autorizacións dos eólicos de Acibal,  Mondigo, Faro, Cernego, Pico Seco, Friol, Paraño Oeste, Xinzo Norte, Chan do Eixo, Ourol, Tenzas do Aire, a primeira fase de Monte Arca, Cordal-Ousá, Orrea, Alto da Telleira, Campo Pequeno, Carracedo, Coto  de Frades, Olerón, Neda e Figueiras, acadando un total de 531,5  MW e un investimento de preto de 672 millóns de euros.

O novo proxecto autorizado polo Consello da Xunta, está promovido por Serra do Faro S.L. e suporá unha fonte de financiamento importante para os concellos de Piñor e San Cristovo de Cea, que poderán beneficiarse da recadación obtida do canon. A Administración autonómica recorda que por medio do canon eólico se  recadaron xa 160 millóns de  euros para os municipios. 

Te puede interesar