A Xunta destina 380.000 euros ao solo industrial do Concello de Beariz

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou onte no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción do acceso ao parque empresarial de Lebozán, en Beariz, desde a estrada OU-212, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios necesarios.


Esta actuación ten por obxectivo darlle operatividade ao futuro parque empresarial de Lebozán e dispón dun orzamento autonómico superior aos 380.000 euros, destinándose ao pago dos terreos necesarios para execución das obras máis de 5.000 euros.


A conexión vén así a concretar a proposta contemplada no plan especial de creación de solo industrial neste concello, desenvolvendo a solución prevista no informe de sustentabilidade ambiental do citado plan especial.


As persoas interesadas poderán presentar achegas ao proxecto desde o próximo luns e ata o vindeiro 24 de marzo. 
A solución desenvolvida polo departamento de Infraestruturas da Xunta é a resultante da realización previa dunha análise de seis alternativas dende o punto de vista da súa xeometría, funcionalidade e seguridade viaria. O deseño adáptase ás particularidades da contorna aproveitando as estruturas existentes sobre un regato.

Te puede interesar