O 20% de alumnos do obradoiro comarcal obterán un traballo

_facebook_1565005136780
photo_camera O obradoiro fíxose cargo do mantemento da zona verde do Salgueiral, en Leiro.
A Mancomunidade convocou 6.000 euros en axudas para as empresas interesadas da comarca

O alumnado do obradoiro de emprego dual "Ribeiro en marcha", promovido pola Mancomunidade de Concellos do Ribeiro, terá opción a un posto de traballo temporal ó abeiro das axudas da Dirección Xeral de Orientación Laboral da Xunta. Concretamente, das 20 persoas que están a participar no proxecto de formación que comparten os municipios de Arnoia, Beade, Cenlle, Leiro e Cortegada, serán catro (o 20%) as que serán seleccionadas para entrar na plantilla de empresas da comarca. Ó respecto, o presidente da Mancomunidade, Francisco José Fernández, apuntou que "hai empresas do Ribeiro que amosaron o seu interese na contratación de alumnos do obradoiro", que están a recibir ensinanzas prácticas en albanelería e mantemento de xardíns.

O ente supramunicipal ten consignados un total de 6.000 euros como incentivo ás empresas para acoller a estes desempregados durante un periodo mínimo de tres meses a xornada completa, de xeito que a subvención fixada é de 1.500 euros por cada un deles. Precisamente, estas axudas só poderán ser destinadas a entidades empresariais privadas dos cinco municipios e cuxa actividade estea directamente relacionada coa formación impartida no taller dual de emprego.

As empresas recibirán un total de 6.000 euros pola contratación de catro traballadores a xornada completa durante tres meses

O obradoiro "Ribeiro en marcha", cun orzamento de 295.000 euros, será clausurado a finais desta semana tras nove meses de actividade, nun acto no que os 20 alumnos recibirán os seus correspondentes certificados de profesionalidade e de nivel de cualificación no eido da albanelería e da xardineiría. Entre outros traballos, levaron a cabo o acondicionamento do espazo público das Lombas, en Arnoia, e o mantemento da zona verde no Salgueiral e dos vestiarios do campo de futbol, en Leiro; o paseo das beiras do río Miño e a construción de beirarrúa e dun xardín fronte á Casa do Concello, en Cenlle; a mellora de espazos públicos en Beade e, finalmente, a recuperación dun sendeiro no parque termal A Carballeira e o axardinamento das zonas verdes do campo da feira, en Cortegada.

Te puede interesar