VERANO

As actrices e os actores tamén van á escola para mellorar

A Mostra acolle dende este luns e ata o mércores un obradoiro que será impartido por Alfredo Sanzol

O festival teatral chegou este domingo á súa segunda etapa con dúas propostas diferenciadas. A primeira,  vespertina, co espectáculo "Vincles" que ofreceu ó aire libre a compañía balear Circ Bover, na Praza Maior, e, xa pola noite, a comedia "Annus Horribilis", a última montaxe do grupo compostelán Chévere co gallo do seu trinta aniversario, que foi representada no Auditorio do Castelo. Pero actrices e actores, ademais de traballar sobre o escenario, tamén precisan dunha formación  e acuden á seminarios onde teñen a oportunidade de mellorar os seus coñecementos.

E a partires de este luns teñen unha boa oportunidade no marco da Mostra. Concretamente, da man da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que promove o obradoiro de formación profesional "Actuar, escribir e dirixir en escena", impartido polo prestixioso autor e director teatral Alfredo Sanzol, un dos grandes referentes do panorama escénico estatal e codirector -xunto a Andrés Lima- do anovador proxecto de Teatro de la Ciudad. Este cursiño, que conta coa colaboración da Fundación AISGE, está destinado a actores, actrices e directores teatrais e desenvolverase ata o vindeiro mércores dentro da programación da propia Mostra.

Deste xeito, uns trinta profesionais galegos das artes escénicas entre intérpretes, autores e directores acudirán a este obradoiro, cuxo obxectivo é a creación de historias e argumentos, empregando como ferramentas a interpretación, a improvisación e a posta en escena. A ollos do propio Sanzol, este curso tamén significa un “xeito de facer brilar todos os puntos en común que teñen as tres patas do teatro: actuar, escribir e dirixir”, como tamén a posibilidade de outorgarlles aos participantes “un espazo para o pracer de traballar coma noutros tempos”. Este obradoiro entróncase dentro do programa de actividades e cursos formativos que organiza anualmente a Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Un colectivo que reúne a máis de 300 profesionais da interpretación do noso país, e no que se pretende dar resposta a un dos seus principais obxectivos: o apoio á formación permanente dos intérpretes e a difusión das máis anovadoras técnicas de traballo.

"O interese suscitado dentro da profesión por este curso impartido por Alfredo Sanzol quedou demostrado na velocidade en que se desenvolveu a inscrición, xa que en tan só dez minutos dende a apertura de prazo ficaron cubertas todas as prazas dispoñibles", subliña Alberto Ramos, un dos seus organizadores.

O obradoiro terá unha duración de 15 horas e tera lugar no auditorio da Casa da Cultura da vila. n

Te puede interesar