Política local

O alcalde de Castrelo cesa aos dous concelleiros que o apoiaron

Avelino Pazos presidindo un pleno en Castrelo de Miño (XESÚS FARIÑAS).
photo_camera Avelino Pazos presidindo un pleno en Castrelo de Miño (XESÚS FARIÑAS).

Os concelleiros Francisco Pérez Iglesias e Jaime Fontanes Villamarín foron cesados dos seus cargos polo alcalde de Castrelo de Miño, Avelino Pazos, a raíz dunha sentenza do Tribunal Supremo do pasado 26 de outubro en relación ao transfuguismo. Os dous concelleiros deixaron o PSdeG-PSOE e apoiaron a moción de censura do PP e contra o goberno do BNG.

Os nacionalistas solicitaron o cese de ambos nos cargos de goberno e, ademais de basar a súa petición na referida sentenza, tamén aportaron un informe da Secretaría municipal que propuxo á Alcaldía o cese como primeiro e segundo tenente alcalde, como membro da xunta de goberno, responsables de áreas municipais e tamén como representantes en órganos colexiados. O mesmo informe sinala que o cese suporá a perda de percepción dos dereitos retributivos correspondentes, que supoñen unha mellora das súas economías.

O alcalde, Avelino Pazos, eloxiou o labor dos dous concelleiros que "viñeron a traballar polo ben da veciñanza e do Concello de Castrelo de Miño", e engade que "son dous traballadores excelentes que o seguen facendo gratis e que seguen apoiando a este goberno".

O rexidor apuntaba que xa non forman parte do goberno municipal pola sentencia xudicial que "impide que ocupen cargos e cobren por eles", matiza.

Te puede interesar