O alcalde de Ribadavia nega que fixera un test de covid

Os socialistas piden aos responsables sanitarios que investiguen se o alcalde fixo o test sen estar citado

O PSdeG-PSOE de Ribadavia urxe ao alcalde do Partido Popular, César Manuel Fernández, explicacións tras o acontecido durante o cribado masivo a pacientes citados para as probas covid-19 o pasado 22 de xaneiro. Os socialistas esixen respostas, logo das informacións recibidas nas que se afirmaba que tanto o rexedor como o tenente de alcalde, Miguel García, aproveitaron a ocasión para facerse un test anticovid de xeito irregular ese mesmo día e sen que estiveran citados para facer a mesma.

O portavoz socialista, Ignacio Gómez, afirma que  pedirán á Xunta de Galicia e a xerencia do Sergas "que se abra unha investigación dos feitos e de ser certos, que se tomen as medidas oportunas e se busquen os responsables de esta situación absolutamente irregular e oportunista".

César Fernández desminte as acusacións e declara que "é increible que o PSOE de Ribadavia, obsesionado nunha campaña de descrédito e ataques persoais ao goberno municipal, chegue a cuestionar a profesionalidade do persoal sanitario, de emerxencias e de Protección Civil, que participaron nese cribado, insinuando que terían consentido unha irregularidade que, por suposto, non se produciu".

Engade o alcalde que "afortunadamente, o cribado foi un éxito e estivo moi ben organizado tanto polos profesionais sanitarios como pola agrupación local de voluntarios de Protección Civil aos que hai que agradecer o seu traballo".

Te puede interesar