O Ribeiro

A “Aldea Vella" encherá de terror as rúas do pobo de Astariz

Unha visita e cata na adega Celme, unha sesión de cine e a pasaxe do terror será a oferta para o xoves en Castrelo

Castrelo de Miño ofrece o próximo xoves a IV edición de "Aldea Vella", na localidade de Astariz. A organización corre a cargo dunha asociación que leva o mesmo nome que a actividade, xa que se creou para desenvolver esta experiencia e outras complementarias con motivo da celebración do Samaín.

Desta maneira, o programa deste 31 de outubro comeza ás 18,00 horas cunha visita ambientada no terror ás adegas Celme, con cata de viños opcional para a que é necesario reservar entrada por valor de 5 euros. Para ir preparándose para a noite, ás 20,00 horas comezará a proxección da II Mostra de Curtametraxes de Terror, no Teleclube de Astariz, con entrada gratuita, aínda que o aforo é limitado. Para finalizar, terá lugar a actividade forte da xornada, que tanto éxito tivo en anteriores edicións. Trátase da pasaxe do terror polo casco vello de Astariz, a partir das 22,00 horas, e ata que se acaben os asistentes. A entrada é de 3 euros, e a participación será de grupos de 10 a 12 persoas acompañados dun guía, que vivirán un percorrido repleto de moitos sustos. 

A "Aldea Vella" foi unha iniciativa do Concello de Castrelo de Miño no que participaban moitos voluntarios de Astariz, así que finalmente acordaron crear unha asociación que se encarga agora da organización. Está integrada por 13 asociados, aínda que contan con 60 voluntarios para recrear as escenas teatralizadas ao aire libre.

Te puede interesar