audiovisual

Arnoia acolle un encontro de empresas do audiovisual

o encontro busca facilitar o contacto directo entre produtoras galegas e portuguesas para a coprodución

O Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia abriu este mércores o proceso de inscrición para as empresas audiovisuais de ambas beiras do Miño interesadas en participar na súa quinta edición, que terá lugar os días 14 e 15 de novembro no Balneario de Arnoia. Como en anos anteriores, este foro bilateral está convocado conxuntamente pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e o Instituto do Cinema e do Audiovisual (ICA) de Portugal. 

Esta iniciativa, para a que se conta tamén coa colaboración da Unión Europea mediante o subprograma Media-Europa Creativa, busca facilitar o contacto directo entre produtoras galegas e portuguesas na procura de socios estratéxicos para a coprodución dos seus proxectos audiovisuais de cinema e televisión, tanto no ámbito da ficción como no da animación ou documental. O obxectivo é ampliar as súas oportunidades de financiamento, ao tempo que se favorece o intercambio de profesionais técnicos e artísticos e se abren novas canles de distribución e difusión. Para elo, haberá reunións programadas das compañías que acudan con proxectos audiovisuais en fase de desenvolvemento. 

As empresas galegas interesadas en participar deben remitir un correo previo a [email protected] antes do próximo 18 de outubro para solicitar o envío do formulario de rexistro na actividade e de inscrición de proxectos.

Te puede interesar