Arnoia conta cun novo parque público de ocio en Outeiro Cruz

A Xunta e o Concello destinaron preto de 330.000 euros á urbanización

O municipio de Arnoia conta cun novo parque público no lugar de Outeiro Cruz. A Xunta e o Concello destinaron preto de 330.000 euros á urbanización, segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, nunha visita á actuación realizada.

Logo de salientar que o obxectivo desta iniciativa foi o de habilitar unha nova área de ocio e descanso para os veciños e facilitar o acceso a unha zona moi transitada, a conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, subliñou que o Goberno galego financiou o 70% da actuación mentres que o Concello achegou o 30% restante.

O novo parque ocupa unha parcela situada entre o adro da igrexa parroquial de San Salvador, o tanatorio, a estrada OU-402 e o centro de día, polo que se trata dunha zona moi visitada que conviña humanizar co fin de mellorar o acceso a este tipo de servizos, ademais de proporcionar unha área de ocio e descanso para a veciñanza.

Para logralo, dotouse este espazo público con ramplas, novos pavimentos, axardinamento, mobiliario urbano e alumeado público, traballos para os que foi necesario rozar, limpar e nivelar os terreos, ampliar a rampla que dá acceso ao centro de día e colocar pasamáns  de aceiro inoxidable nas sendas peonís.

Estas obras acometeranse ao abeiro do plan Hurbe.

Te puede interesar