INSTALACIONES

Arnoia fará un centro social na antiga cooperativa do pemento

Cooperativa pementos Arnoia (Ribeiro)
27-7-17
photo_camera Edificio da antiga Cooperativa do pemento, que acollerá o novo centro social.

As instalacións, que se atopan pechadas, serán acondicionadas cun orzamento de 217.000 euros

O municipio de Arnoia contará cun "Centro para o envellecemento activo e saudable das persoas maiores" que se ubicará nunha das naves da antiga sede da Cooperativa de San Salvador, pechada na actualidade e que se adicaba á producción e distribución dos afamados pementos desta localidade da comarca do Ribeiro. O obxectivo deste proxecto é "proporcionar cobertura a unha parte importante da nosa poboación (1.002 habitantes), que nunha porcentaxe do 40% supera os 75 anos de idade", subliña o alcalde, Rodrigo Aparicio.

Deste xeito, este centro porá a disposición de veciñas e veciños maiores de 65 anos salas de lecer e xuntanzas e un servizo de fisioterapia; un aula de informática e novas tecnoloxías e outra dependencia adicada á realización de talleres de memoria e desenrolo cognitivo, entre outras. O Concello decidiu aproveitar unha das plantas da antiga cooperativa tendo en conta que "cando se mercou o edificio, houbo un compromiso para que o seu uso fose público e non privado", matiza o rexedor arnoiés.

Rodrigo Aparicio califica de "pioneira" esta iniciativa, xa que non se axusta ás características de un centro de día propiamente dito nen a unha residencia. "As persoas que o desexen poden ir cando queiran e sen un horario prefixado, xa que se trata de fomentar a convivencia entre elas", apunta.

As obras necesarias para o acondicionamento do inmoble e dotación de mobiliario serán obxecto dunha convocatoria de concurso público por parte do Concello, cun orzamento global de 217.000 euros, dos cales un 90% serán aportados polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR-12) do Carballiño-Ribeiro a través do Agader. Precisamente o proxecto presentado por Arnoia foi o máis valorado polos técnicos deste departamento, entre todos os que solicitaron subvencións. 

Servicios prestados por especialistas

As autoridades municipais de Arnoia prevén que os traballos de adaptación da antiga cooperativa poidan estar rematados no mes de xaneiro do 2018. A tramitación administrativa para a adxudicación das obras motivou ó Concello a fixar a data do 15 de outubro do ano actual para ter concluído o 70% das obras,  quedando para o ano vindeiro o 30% restante.

A nivel de recursos humanos para  ocentro, Rodrigo Aparicio comenta que haberá un axente de desenvolvemento e operarios de mantemento da plantilla municipal, pero que o resto do personal deberá ser contratado externamente. "Tanto os servizos de fisioterapia, informática e talleres de memoria serán prestados por especialistas", indica. Polo de agora, o goberno municipal non ten concretadas cáles van a ser as taxas para os usuarios do novo servizo. 

Te puede interesar