EXCAVACIONES

Os arqueólogos volven ao castro de Santa Lucía

A Universidade de Vigo acometerá durante o mes de agosto unha nova fase nas escavacións

O Grupo de Estudios de Arqueoloxía do Campus de Ourense retomará no vindeiro mes de agosto os traballos de escavación no castro de Santa Lucía, no municipio de Castrelo de Miño, e que foran iniciados no verán do  ano pasado.  No asentamento castrexo, situado na parroquia de Astariz, datado entre os séculos I e II antes de Cristo e I e II da era actual, os investigadores da Universidade de Vigo deixaron ó descuberto estruturas como unha vivenda castrexa circular, numerosos restos (moedas, fíbulas e vasixas) e un lagar galaico-romano, que evidencia as antigas orixes da tradición vitivinícola da zona.

O alcalde de Castrelo, Xurxo Rodríguez, asegurou onte que "estamos pendentes de rematar as condicións do novo convenio de colaboración co Campus, a fin de asinalo en breve e que se poidan reanudar as prospeccións no castro". Un primeiro convenio entre Concello e Universidade posibilitara a posta en marcha do proxecto de investigación, dirixido polo profesor Fermín Pérez, nunha cidade castrexa que nunca fora excavada.

O equipo de traballo, integrado por 20 estudantes de diferentes puntos do Estado, levou a cabo catro sondaxes entre os meses de agosto e setembro do 2016, co resultado dos achádegos citados, cos que o propio Concello promoveu unha exposición en Astariz para que os propios veciños coñecesen a historia do seu territorio.

Ademais, os responsables do equipo universitario organizaron ó longo dos últimos meses unha serie de visitas guiadas ó recinto castrexo para o público en xeral, "que terán continuidade unha vez se reanuden a segunda fase das prospeccións, no vindeiro mes de agosto", comenta Xurxo Rodríguez. Por outra banda, o grupo de investigación tamén realizou traballos de planimetría do xacemento durante o pasado mes de marzo, consistentes na toma das coordenadas do perímetro mediante GPS e a obtención de imaxes aéreas da zona utilizando un dron.

O obxectivo último que se marca o departamento de Arqueoloxía do Campus ourensano é ó de converter o castro nun espazo visitable e musealizado, a fin de que poida ser incorporado ó patrimonio histórico e cultural do propio municipio de Castrelo de Miño.

Te puede interesar