SAÚDE

Arteficial celebra os dez anos de andaina con varias iniciativas

O colectivo Arteficial cumpriu neste 2016 dez anos de actividade ininterrompida na vila de Ribadavia, cunha actividade centrada no movemento asociativo e cultural, e co obxectivo de sacar á rúa a mocidade e o conxunto da poboación, e activalos na realización de proxectos. Os responsables desta asociación subliñan que "nestes dez anos vimos desenvolvendo diversas actividades que dinamizan a vida da nosa contorna a fin de atraer especialmente a xente nova con intereses culturais e artísticos nun ambiente non formal e dinámico". Desta volta, baixo o Proxecto Arteficial X Reactivo-Cultura, financiado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta, o colectivo quixo ampliar a súa actuación  e traer a Ribadavia o movemento cultural alternativo, organizando un programa de tres actividades.

Así, a programación incluíu o "Colchoneta Film Festival", consistente na proxección de pezas audiovisuais, documentais e curtametraxes de temática social. A segunda actividade foi "Xpoficial", unha recompilación de elementos da asociación Arteficial, coma camisetas e cartelaría, e composta de fotografías de concertos, obradoiros, carteis e actividades realizadas. Finalmente, "Xestoras Cultural do Alternativo" foi unha iniciativa para visualizar outros proxectos culturais desenvoltos por mulleres galegas, sobre todo no eido artístico. 

Te puede interesar