Un autocar recollerá ós rapaces de Cenlle para participar no ‘Día do Neno’

As rapazas e rapaces do municipio de Cenlle poden participar ó longo de este verán dun amplo programa elaborado pola Concellería de Cultura e Xuventude. Neste sentido, as ‘Xornadas Xuvenís’ incluidas no Ourense Lúdico desenvólvense tódolos xoves do mes de xullo e agosto na pista polideportiva do colexio público de Cenlle, entre as sete da tarde e as nove da noite.
Outra alternativa de lecer para os máis pequenos de Cenlle é o ‘Campamento Urbán’, xestionado pola empresa Xogaventura de Carballiño e que dará comezo mañá nas mesmas instalacións do centro educativo dende as 10,00 horas ata as 13,00 horas, prolongándose ata o 26 de xullo. Pero a xornada máis esperada polos xoves do municipio é ‘O Día do Neno’, que se celebrará o vindeiro 5 de agosto na paraxe natural do Campo do Cabalo da parroquia de Laias. A festa ábrese ás once da mañá e non se pecha ata ás seis do serán, según apunta o concelleiro de Cultura e Xuventude, Gabriel Alén.

Proxeccións

‘Ademais, os nenos e nenas que queiran acudir ó recinto de Laias terán á súa disposición un servizo de transporte gratuito para desplazarse dende as súas aldeas de orixe’, indicou. Por outra banda, o día 2 de agosto celebrarase no campo da festa da localidade de Vilar de Rei un campionato de xogos de mesa e futbolín, dende as cinco da tarde. Unha vez rematadas estas actividades, ó fío das 20,00 horas proxectarase no mesmo lugar unha serie de vídeos con películas infantís, dentro do ciclo de Cinemas Dixitais que promove a Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia.

Te puede interesar