EVENTO

Os Bacelos de Prata consagran identidade galega e feminismo

Baeelos de Prata
photo_camera As autoridades e os premiados reuníronse para este acto no Pazo dos Ulloa, un espazo emblemático en Esposende.

Os premiados da 12º edición do galardón son Vermutería de Galicia e Conservas Ecolóxicas Amorodo

O Pazo dos Ulloa, un lugar emblemático situado en Esposende, Ribadavia, acolleu a duodécima edición dos galardóns Bacelos de Prata, outorgados pola asociación Álvaro das Casas e que teñen como finalidade premiar a aquelas empresas que dignifican o idioma galego expoñéndoo como identidade dos productos que exportan ó territorio nacional e internacional. Os galardoados nesta ocasión foron Vermutería de Galicia e Conservas Ecolóxicas Amorodo, ambos liderados por mulleres, que foron as que recolleron este recoñecemento. Este feito non é unha casualidade, se non que mostra o potencial empresarial feminino que hoxe en día esixe o seu espazo. 

Avelino Muleiro, presidente da Asociación Álvaro das Casas, remarcou a importancia da lingua, "que sen ela non hai cultura" e tamén agradeceu ós galardoados a súa labor para evitar a desertizazción social das parroquias galegas. Pola súa parte, as galardoadas mostraron o seu agradecemento e sinalaron, ambas as dúas, que a súa aposta pola lingua non é unha acción de márketing, se non que é unha maneira de devolverlle a esta terra todo o que ela da desinteresadamente, e que o galego "sae de dentro, como o facían os nosos pais e avós". 

O conselleiro do Medio Rural, José González, apoiou estas iniciativas como un impulso ó ámbito rural, sinalando que o galego "é un forte aliado e un valor engadido ás nosas produccións", engadindo que "a nosa singularidade é posible grazas á nosa lingua". 

Entre as autoridades que acudiron a este acto destacou a presenza do conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez; o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez; o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Manuel Casares;  o presidente da asociación Álvaro das Casas, Avelino Muleiro.


Álvaro das Casas, pioneiro nesta loita


O Pazo dos Ulloa é un espazo singular que viviu importantes acontecementos no Ribeiro, como a creación da Unión de Colleiteiros do Avia (UCA). Álvaro das Casas Blanco, quen foi dos primeiros en etiquetar o viño no idioma galego xa en xaneiro de 1936, actuou como anfitrión. O galego sufriu un olvido nos seguintes anos, froito da guerra, que o levou a caer no esquecemento. Pero a loita de Das Casas serviu para que, anos máis tarde, crearase unha asociación no seu nome que promoveu o nacemento destes premios, que cada ano recoñecen o esforzo de todos aqueles que optan por expandir a lingua galega e a identidade desta terra nos seus productos. Neste acto tamén se recordou que, hai 12 anos a dificultade era encontrar empresas que apostasen polo galego e optasen a este premio e agora, a súa proliferación dificulta a tarefa do xurado. 

Te puede interesar