O BNG de Cenlle alerta sobre deficiencias nas beirarrúas

O BNG de Cenlle afirma que as obras que se están realizando para a mellora das beirarrúas na parroquia de Cenlle “son un verdadeiro despropósito”. Sinala que se a anchura recomendada das beirarrúas é entre 1,20 e 1,50 metros, en varios tramos está por debaixo do esixido pola lei e noutros chega aos catro metros. 

Engaden os nacionalistas que cando a anchura das beirarrúas é de catro metros, redúcese o vial a cinco metros e falan dun “salientable desequilibrio” con tramos con dificultade para o paso de peóns e outros nos que dous vehículos de grandes dimensións non poderán transitar ao mesmo tempo, entre outras deficiencias. “A isto únese a carencia de evitar barreiras arquitectónicas para o tránsito de persoas con mobilidade reducida, como son a habilitación de rampas para cadeiras de rodas ou a eliminación de obstáculos como os paus da luz”, sinala o BNG.

Ademais refírese a un problema de estacionamento que “conlevará ao xa común estacionamento de vehículos sobre vías peonís innecesariamente sobredimensionadas”.

A alcaldesa, Rebeca Sotelo, recoñeceu que recibe queixas por esta obra que comezou o seu predecesor e na que de feito xa se cambiaron algunhas cousas, sinalando que nesta semana visitará os traballos o redactor do proxecto, por se fose necesario realizar algunhos cambios. 

Te puede interesar