política local

O BNG de Cenlle alerta dunha vertedura de entullos de obras

Dende o BNG culpan ao concello por "delegar a responsabilidade na empresa" e por non tomar medidas ante a aparición da vertedura

O BNG de Cenlle considera que se está levando a cabo "unha grave agresión no noso medio rural", debido a acumulación de entullos á entrada da localidade de Razamonde, onde se están construíndo novas beirarrúas.

Refírese este grupo municipal a unha vertedura na parte posterior da gasolineira situada ao comezo do pobo. Por ese motivo, o BNG critica a actitude do alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, que "coñecedor da situación, delega a responsabilidade na empresa concesionaria das obras e non toma medidas ante a aparición dunha vertedura clandestina na contorna natural do noso termo municipal".

Os nacionalistas critican tamén o feito de que as obras se estén a executar en época electoral e apuntan á "complicidade do equipo de goberno, coa súa política de asfalto lesiva". Por elo, este grupo afirma que "tratará a través de tódolos medios dos que dispoñemos reverter esta situación".

O alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, declaraba que a dirección da obra, que é do Ministerio de Fomento, ten constancia da situación, e matiza que a empresa adxudicataria está facendo acopio dos materiais que non utiliza para a súa posterior retirada. "Faise así en todas as obras, ao acabar retírase e transpórtase para o seu tratamento", puntualiza. Estas beirarrúas estarán rematadas en aproximadamente dous meses.

Te puede interesar