POLÍTICA LOCAL

O BNG reclama o trazado do Camiño Miñoto por Berán

os nacionalistas piden ao presidente da entidade menor que reclame a inclusión desta parroquia na ruta

O BNG de Berán insta ao presidente desta Entidade Menor a que reclame a súa inclusión na ruta do Camiño Miñoto Ribeiro. A asociación que impulsa o recoñecemento oficial deste camiño a Santiago de Compostela acaba de facer pública a proposta do percorrido, excluíndo a esta localidade de Leiro.

O BNG de Berán considera que "o paso do camiño sería un valor engadido para a divulgación e apertura do noso balneario. Sería unha boa forma de atraer a posíbles empresas interesadas en explotar as nosas augas". E ademais, sinala que suporía "un beneficio de incalculable valor económico para os establecementos da nosa localidade".

Os nacionalistas pensan tamén na reactivación do turismo, "atraendo visitantes de todo o mundo, o que favorecería a apertura de novos negocios".

Por ese motivo, apunta o BNG que a inclusión desta parroquia é unha reivindicación que diferentes asociacións e pequenos propietarios de Berán desde fai anos. E refírese ao que califica como "escurantismo co que esta asociación (da que forman parte diferentes concellos da comarca do Ribeiro) xestionou a confección do percorrido. Nesa elaboración non se tivo en conta o traballo que se leva feito por diferentes colectivos de Berán e de fóra".

En consecuencia, reclama ao presidente da Entidade Menor "que defenda os intereses de Berán e esixa unha modificación do percorrido, onde se recolla o seu paso pola nosa parroquia".

Te puede interesar