Política local

El BNG de Ribadavia insta a pedir un ciclo de comercialización alimentaria

Con esta proposta preténdese dar máis utilidade ao edificio abrente e oportunidades de formación ós mozos

O grupo municipal do BNG de Ribadavia rexistrou unha moción no concello mediante a que pedirá o acordo da corporación para instar á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a implantar para o vindeiro curso 2020-2021 no IES O Ribeiro o Ciclo de Comercialización de Produtos Alimentarios. A proposta tamén inclúe trasladar este acordo aos demais concellos da comarca do Ribeiro e á Deputación provincial de Ourense.

O Ciclo de Comercialización de Produtos Alimentarios vai ser implantado dentro da oferta educativa de formación profesional, estando actualmente no proceso de elaboración do seu currículo académico e de definición do mapa de centros de ensino no que vai ser impartido. "A implantación deste ciclo medio permitiría encher máis de contidos o edificio Abrente, mesmo atraendo estudantes doutras comarcas e para a Denominación de Orixe Ribeiro é fundamental mellorar a comercialización tanto como a produción e a elaboración de viños", sinala o BNG.

Este grupo da oposición considera ademais que con este ciclo reforzaríase e complementaríase "a oferta formativa no interior galego, un territorio para o que é vital ofrecer posibilidades de formación e desenvolvemento profesional á escasa poboación nova que aínda se mantén".

Na actualidade cóntase cos ciclos medios de electromecánica, de aceite de oliva e viños e co superior de vitivinicultura.

Te puede interesar