animais

O BNG solicita un espazo para cans na área de A Veronza

O grupo municipal do BNG considera necesario aprobar unha ordenanza para a tenencia de animais domésticos

O grupo municipal do BNG de Ribadavia presentou unha proposta para debate no vindeiro pleno da Corporación para a creación dun espazo canino na área recreativa de A Veronza, "co fin de tentar satisfacer as necesidades da veciñanza e tamén propiciar a convivencia entre mascotas e a poboación en xeral nos espazos públicos".  A voceira nacionalista, Maite Rodríguez, expón que "trátase de habilitar áreas de esparcemento nas que as mascotas podan permanecer soltas sen risco de sancións e sen perturbar ao resto da cidadanía".

E co fin de regular o uso deste espazo e a tenencia de mascotas en xeral, o BNG insta ó Concello ribadaviense á aprobación dunha ordenanza de protección e tenencia de animais domésticos, xa que na actualidade só está regulada a tenencia de cans de razas perigosas. Maite Rodríguez considera que "a zona máis propicia do noso municipio para a instalación desta área é o parque da Veronza, xa que polas súas dimensións é factible acoutar un espazo suficientemente amplo para as mascotas". Asemade, os nacionalistas apuntan que este parque "atópase próximo a unha das zonas máis poboadas, e conta con numerosos usuarios que disporían, deste xeito, un servizo máis para facer uso desta zona recreativa, ao tempo que contribuímos a abrir máis Ribadavia aos seus ríos e zonas verdes".

Para o grupo municipal do BNG, "os espazos caninos son instalacións sinxelas e económicas tanto na súa construcción como no seu mantemento, e, de paso, contribúen tamén a manter a limpeza das nosas rúas e espazos públicos, de tal maneira que este debería ser un primeiro paso para habilitar máis espazos caninos noutras zonas verdes", tal e como solicitan ante o pleno da Corporación ribadaviense.

Te puede interesar