vino

“O Camiño do Viño" servirá para promocionar O Ribeiro

Un grupo de visitantes camiña por un sendeiro da Ruta do Viño.
photo_camera Un grupo de visitantes camiña por un sendeiro da Ruta do Viño.
Esta iniciativa da Ruta do Viño quedou rexistrada oficialmente polo Ministerio de Enerxía e Turismo

A Oficina Española de Patentes e Marcas, dependente do Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, vén de conceder á Asociación Ruta do Viño do Ribeiro o rexistro de "O Camiño do Viño", unha iniciativa que procura consolidar unha marca xenérica co gallo de potenciar o territorio da comarca vitivinícola como destino enoturístico. O obxectivo principal desta marca, según os seus creadores, consiste na aposta decidida por revitalizar O Ribeiro, poñendo en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos, culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño da Denominación de Orixe e a riqueza da súa historia como fíos condutores.

Neste sentido, o presidente da Ruta e do Consello Regulador da Denominación, Juan Manuel Casares, suliña que "outros retos son espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron un dos motores económicos da nosa terra, e poñer en valor un rico patrimonio material e inmaterial que nalgún intre debera ser reivindicado". Os promotores de "O Camiño do Viño" consideran que esta marca é compatible coas accións que se están a desenvolver para conseguir o recoñecemento do Camiño Miñoto Ribeiro, coa potenciación da figura do Camiño dos Arrieiros e incluso co desenvolvemento doutras accións como pode ser o deseño dunha ruta de lagares rupestres do Ribeiro.

Juan Manuel Casares engade  que esta iniciativa "ten un simbolismo especial xa que significa en realidade moitos camiños, tanto as rutas de peregrinos que ían cara Santiago; os camiños que os arrieiros seguían para comercializar o viño Ribeiro por toda Galicia, como a metáfora dunha comarca vitivinícola no seu percorrido pola historia onde chegou a ser, durante moitos séculos, o gran viño nacional de Galicia".

No que vai de ano, desenvolveuse unha difusión promocional nas redes sociais apoiada na edición de folletos, vídeos e spots da Ruta, e tamén se fixo unha presentación en Santiago de Compostela, e, na pasada fin de semana, organizouse o simposio "A pegada histórica do viño no Camiño de Santiago", coa participación de 35 expertos de todo o Estado e Portugal.


A ruta atraeu a 100.000 visitantes


Un total de 97.361 persoas participaron dende o ano 2008 nas actividades da Ruta do Viño do Ribeiro, según os datos recollidos nos 52 establecementos asociados a esta iniciativa, sendo o ano 2018 ó de meirande afluencia, con 13.343 visitantes rexistrados. O aumento medio no número de visitantes por ano sitúase entre o 12% e o 14% dende 2012, ano no que houbo unha pequena baixada. En canto ó perfil dos participantes na Ruta, que se comproba dende 2013, O Ribeiro é destino preferente en colectivos de 45 a 65 anos, que supoñen o 47% dos visitantes, se ben é certo que nos últimos anos a franxa de idade que vai dos 30 ós 45 anos creceu ata situarse no 28%.

Estes visitantes acostuman a viaxar en parellas ou en grupo de non máis de catro ou seis persoas, e  cun nivel de renda medio, e a súa procedencia é nun 90% de Galicia, un 8% do resto de España e un 2% de países da Unión Europea.

Te puede interesar