Campaña contra a compra de xoguetes sexistas polo Nadal

O Concello de Ribadavia pon en marcha unha campaña de sensibilización sobre xoguetes e xogos non sexistas e non violentos. O programa, que se levará a cabo co alumnado do CRA Amencer, inclúe a realización de obradoiros prácticos de igualdade e coeducación, a elaboración dun folleto informativo con orientacións básicas para as familias á hora da compra de xogos e xoguetes que se poderá descargar desde a web do Concello, así como unha serie de carteis protagonizados por nenos do propio municipio, con diferentes mensaxes relativos á eliminación de estereotipos sexistas na compra de xoguetes e libros durante o Nadal.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, sinalou que "as persoas adultas debemos ser conscientes da nosa responsabilidade na correcta elección e asimilar, entre outras cousas, que os xoguetes non teñen xénero". Nese sentido, engade o rexedor municipal que "desde o Concello queremos aportar recursos tanto as familias como ás nenas e nenos que lles axuden a afastarse de determinados estereotipos que non reflicten a realidade".

César Fernández destacou que "con actividades coma esta, desde o Concello seguimos a traballar a favor da defensa da igualdade e o respecto, valores estes que están presentes de xeito transversal en todas as actividades que se levan a cabo desde o Concello de Ribadavia".

Con esta campaña, os responsables municipais perseguen concienciar ás familias sobre a educación en igualdade.

O concello de ribadavia desenvolverá obradoiros e editará folletos e carteis en favor da igualdade.

Te puede interesar