Rehabilitación

A capela de San Pedro de Leiro será restaurada e consolidada

A Xunta destina 130.000 euros a este proxecto co que se pretende recuperar a imaxe orixinal da capela de Leiro

A Xunta de Galicia vén de sacar a licitación as obras de consolidación estrutural e restauración das cubertas da capela de San Pedro de Leiro cun investimento superior aos 130.000 euros. Trátase dunha actuación que conta cun período de execución previsto de seis meses e que se centrará principalmente na estrutura, nas condicións de estanquidade e de ventilación, nos elementos interiores, no exterior e na súa seguridade e iluminación co obxectivo de recuperar a imaxe orixinal desta capela. 

A capela de San Pedro de Leiro é un edificio construído no século XVI que sofre diferentes patoloxías na súa estrutura e cuberta que fan necesaria esta actuación impulsada desde o Goberno galego. Concretamente, a capela presenta graves problemas na formación das bóvedas con visibles fendas e un gran desaxuste do arco toral que separa a nave do presbiterio. Tamén existe no interior unha estrutura de madeira que ocupa o primeiro tramo da nave que impide visualizar ás bóvedas e que deteriora a calidade espacial do interior da igrexa. Outro elemento discordante neste inmoble é a espadana que foi construída posteriormente e que non aparece na súa situación orixinal.

Ademais destas patoloxías, a igrexa tamén sofre filtracións e problemas na estrutura de madeira que soporta a cuberta de tella e nos paramentos, que deberán ser renovados coas cautelas habituais neste tipo de actuacións.

Te puede interesar