ENTREVISTA

Casares Gándara: "O noso obxectivo é continuar o camiño da calidade a fin de topar a excelencia"

OURENSE. 04.08.2017 JOSE MANUEL CASARES, GERENTE EVEGA. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Juan Manuel Casares Gándara

Juan Manuel Casares Gándara é presidente do Consello Regulador do Ribeiro e director da Estación de Viticultura de Galicia

O 20 de xullo pasado, o pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro consensuaban e decidían por maioría a elección de Juan Manuel Casares, director tamén na actualidade da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), como novo presidente deste organismo. Onte mesmo, era presentado oficialmente como tal na Consellería de Medio Rural, tras ser publicado o seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

Afronta vostede o cargo con moitos ánimos? 
Sí, a verdade que con moita ilusión, pero tamén, con moita responsabilidade, unha mixtura das dúas. A ilusión é personal, e a responsabilidade, derivada do consenso que se suscitou e o refrendo e o respaldo dos membros do Consello Regulador que depositaron en mín a súa confianza.

Xa nos adiantara o mes pasado que ía compaxinar a presidencia da Denominación de Orixe coa dirección da Evega. Considera que lle vai ser difícil simultanear os dous postos? 
Entendo que se hai unha sistemática de traballo, non teño por que ter ningún problema neste sentido, xa que me vai permitir facer todo aquelo que considere. Ademais, hai unha compatibilidade legal que me ampara, e outra moral da que eu son o seu propio garante.

Neste sentido, cre que vai ser fundamental a súa experiencia no mundo do viño nesta nova etapa? 
Penso que sí. Aínda que a Evega e o Consello Regulador son dous aspectos diferentes da mesma temática, é certo que nestes catro anos que cumprirei no mes de outubro como director da Estación de Viticultura adquirín unha experiencia que me permite ter unha visión do Ribeiro, xa que se non fose así non houbese aceptado presentar a miña candidatura á presidilo. Unha das premisas que levo sempre por bandeira é a prudencia, se podes ou non, se debes ou non debes, así que estou preparado para compatibilizar os dous traballos. 

Cál é a súa primeira impresión sobre a Denominación Ribeiro? 
Cando me comunicaron a miña elección, me viñeron á cabeza os días en que aínda era un neno, xa que na miña casa, en Ourense, se consumía viño do Ribeiro. É todo como unha historia viva e o feito de chegar, anos despois, á presidencia do Consello Regulador semella para min coma o peche dun ciclo. E a realidade é que durante todos estes anos, téñense feito moitísimos esforzos cara a mellorar a calidade dos seus productos, e elo é froito de moita xente do Ribeiro. Por iso, sempre tiven a idea de que, dende agora, hai que camiñar cara á excelencia destes viños.

Logo, cáles son os pasos que se deben dar no futuro? 
Aínda que estou iniciando a miña andaina, teño claro cáles son os retos que temos que afrontar. Un deles, como xa dixen, é manter, sen volta atrás, o camiño irreversible cara á excelencia, no que O Ribeiro xa está inmerso, poñendo en valor as nosas variedades autóctonas, principalmente a uva treixadura, e afianzar o mercado galego, que nestes intres xa representa unha porcentaxe do 70% para o viño da Denominación, ademais de fortalecer os mercados nacional e internacional. Por outra banda, o Consello Regulador debe ser un vehículo de introducción de innovacións, pero nunca sen perder os seus ideais nen a súa identidade, porque O Ribeiro é exemplo, a nivel de Estado, de preservar esa identidade propia, ó saber compaxinar tradición e innovación. Tamén, un dos obxectivos ineludibles é conquerir o distintivo de calidade da ENAC (Entidade Nacional de Acreditación), xa que na miña experiencia na Evega puiden comprobar que é fundamental, e telo significa un antes e un despois para o futuro da Denominación de Orixe.

O sector dos productores representa o pilar básico da Denominación. Qué relación vai manter con eles? 
A min gostaríame que este mandato fose ó dos viticultores. É un reto particular meu que é tamén froito da miña experiencia na Evega. O viño, como todo o mundo sabe, principia na viña e por elo temos que potenciar dende o Consello todo o relativo á formación, información e asesoramento dos viticultores, recoñecendo a súa figura. E este é un dos obxectivos persoais coma presidente do Consello Regulador.

Uns viticultores que na pasada vendima e, tamén na vindeira, teñen perdas debido ó mildiu e ás xeadas. Cómo pode contribuir a solucionar o Consello Regulador estas situacións? 
Teño claro que entre as novas competencias da entidade, o Consello Regulador esta representado nunha comisión territorial, na que se creou un grupo de traballo para estudiar este tipo de situacións, co obxectivo de concienciar, impulsar e fomentar a contratación de seguros por parte dos viticultores. É evidente que calquera viticultor está exposto a unha serie de elementos sobre os que non vai ter control, e por elo debe buscar tódolos mecanismos ó seu alcance para, por unha banda, minimizar o risco, e, pola outra, paliar na súa medida as perdas e poder recuperar parte do investimento na viña. Dende dentro do Consello Regulador este será un dos nosos campos de traballo neste mandato.

Manterá o Consello Regulador as liñas de colaboración e patrocinio de eventos vencellados ó viño do Ribeiro?
A miña idea é facer un estudio sobre os recursos que pode manexar o Consello, e por suposto que imos continuar, dentro das nosas posibilidades, a colaboración e patrocinio con aqueles eventos que xa están consolidados, como son, entre outros, a Festa do Pemento de Arnoia, o Ribeiro Blues Wine Festival de Castrelo de Miño, e, por suposto, a Feira do Viño de Ribadavia. De xeito parello, tamén tentaremos introducir melloras neste apartado de promoción, para que haxa máis consumidores de viño do Ribeiro. 

Te puede interesar