SERVIZOS

Castrelo aborda a última fase da renovación do alumeado

photo_camera Farolas do alumeado público nas instalacións do Club Náutico de Castrelo de Miño.

Supuxo un investimento de 348.000 euros para a substitución de 1.100 farolas en todo o Concello

O programa de aforro enerxético promovido dende o ano 2008 polo Concello de Castrelo de Miño está a punto de rematar coa substitución das últimas 1.100 antigas farolas de alumeado público por outras dotadas do sistema LED en diferentes localidades do municipio. A licitación dos traballos, que supón un orzamento de 348.000 euros, vén de ser anunciada pola alcaldía para a presentación de ofertas, fixándose un prazo de execución dun ano a partir da correspondente adxudicación.

O alcalde de Castrelo, Xurxo Méndez, suliña que "con esta tecnoloxía LED nas farolas xa temos comprobado con ensaios que hai un 80% de aforro no consumo enerxético, xa que pasamos dos 120 ós 30 vatios". O rexedor de Castrelo engade que "nos oito anos que levamos implantando este sistema, calculo que temos aforrados máis de 200.000 euros en custes de facturas". 

Para financiar o investimento previsto neste proxecto, o Concello recurreu ó Instituto de Aforro Enerxético, ó abeiro dun programa de axudas para a renovación de alumeados públicos. Ó respecto, Xurxo Méndez comenta que "iste organismo  faise cargo de finanzar o importe total das obras ó traverso dunha liña de crédito que se abona nun prazo de 10 anos e sen intereses". Deste xeito, as luminarias instaladas en rúas e prazas dos 40 núcleos habitados de Castrelo estarán renovadas na súa totalidade no vindeiro ano.

Te puede interesar