O RIBEIRO

Castrelo pechou o exercicio cun superávit de 225.722 euros

20190427204845674_result
photo_camera Casa Consistorial de Castrelo de Miño.

O alcalde asegura que se debe ao control de gasto corrente e o cobro de novas taxas eléctricas

O Concello de Castrelo de Miño pechou a liquidación do orzamento xeral correspondente ao exercicio 2018 por un importe definitivo de 1.895.997 euros e coas contas en positivo, xa que ten un superávit de 225.722 euros, ademais de cumprir coa regra de gasto e a estabilidade orzamentaria. Así, sinalan os responsables municipais que o Concello rematou o ano cuns fondos líquidos de 251.100 euros e un remanente positivo de tesourería de 124.042 euros. 

"Estes datos económicos indican que o Concello deu financiado a súa actividade e proxectos. Foron xerados e logrados grazas á xestión e ao control e racionalización dos gastos correntes municipais e á mellora da recadación das novas taxas municipais ás grandes empresas que operan neste municipio, como Unión Fenosa Distribución e Red Eléctrica de España", sinala o alcalde de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez Méndez. Nese sentido, só as novas taxas ás eléctricas pola utilización privativa ou aproveitamento do dominio público local, supuxo un ingreso para as arcas municipais que rondou os 150.000 euros, nese 2018.

Durante ese mesmo ano tamén foron canceladas todas as pólizas de crédito a curto prazo con entidades bancarias. As contas tal e como están na actualidade, segundo valora o rexidor municipal, permiten "cumprir cos compromisos anuais, deixar a débeda a curto prazo a cero e consolidando estes mesmos resultados dos últimos 2 anos, conseguir deixar a cero a débeda a longo prazo nos vindeiros 3 anos". Un aforro neto de 260.468 permite ademais que e o nivel de endebedamento a longo prazo sexa do 43,16%, estando o límite para as administracións públicas no 110%. 

Para o equipo de goberno do BNG xa o ano 2017 supuxo un punto de inflexión para deixar atrás os números vermellos e voltar aos números positivos, tras comezar a facerse efectivas as medidas adoptadas no plan se saneamento económico financieiro aprobado no ano 2016. Así o ano 2017 xa presentara un resultado presupostario axustado positivo e un remanente positivo de tesourería de 54.129 euros.

O goberno municipal asegura que superou as expectativas de mellora contempladas no Plan de Saneamento Económico e Financieiro aprobado por este concello, e "sen eliminar ningún servizo público dos que o Concello de Castrelo de Miño lle presta aos seus veciños, e incluso creando outros novos nestes últimos anos".

Te puede interesar