O RIBEIRO

Castrelo prevé humanizar o exterior da casa comunitaria

20190331193110627_result
photo_camera Exterior da casa comunitaria de Castrelo de Miño.

A vivenda comunitaria abriu as súas portas en setembro de 2012, con capacidade para 12 residentes

O Concello de Castrelo de Miño redactou un proxecto, que acaba de presentar na Xunta de Galicia, para a execución da humanización da contorna da vivenda comunitaria de Vide, cun orzamento base de licitación de 50.000 euros. Trátase da humanización do lugar mediante a execución de percorridos peonís no perímetro das edificacións, un peche frontal do recinto, área de aparcadoiro, instalación de varanda de protección na rampla de acceso á vivenda, así como a creación de espazos de relación con mobiliario integrado na contorna, e a plantación de vexetación.

A vivenda comunitaria abriu as súas portas en setembro de 2012, con capacidade para 12 residentes, tendo preferencia os veciños do municipio. Os usuarios son persoas maiores de 60 anos, que conviven en réxime case familiar, e que poden realizar actividades diarias de xeito independente, ou tendo dependencia de grao un. 

En función da capacidade económica de cada usuario, o Concello marcou diferentes tarifas sociais, a partires dun mínimo de 366 euros. 

En total, 38 usuarios viven ou viviron neste centro, no que traballan cinco coidadoras. "Leva xa funcionando a plena ocupación os derradeiros anos, habendo lista de espera para poder ocupar algunha das 12 prazas", declaraba o alcalde, Xurxo Rodríguez.

O concello tamén acaba de rematar as obras de mellora na cociña, por un importe aproximado de 4.000 euros. Así, procedeuse a instalar unha nova cociña industrial de gas, sistema de extracción de fumes e novas cámaras de frío.

Te puede interesar