O RIBEIRO

Tres céntricas rúas serán reformadas en Ribadavia

Ribadavia
photo_camera Unha das zonas que será acondicionada, que se chama a "praza das banquetas"

A inversión supera os 100.000 euros e está subvencionada co 80%

O Concello de Ribadavia levará a cabo en próximas fechas obras de mellora da pavimentación da Rúa Norte, da Rúa Corral e das beirarrúas da Rúa Progreso. É unha das obras máis importantes que o ente municipal xestionou nas últimas datas, polo seu valor urbanístico e a súa tradición no centro do pobo, segundo destaca o alcalde en funcións, Ignacio Gómez. As autoridades municipais tamén tiveron en conta para a execución deste proxecto o feito de que é unha obra moi demandada pola veciñanza da zona, xa que a intervención implicará unha adecuación do tráfico nesas rúas, co obxectivo de acabar coas dificultades para acceder ás vivendas e garaxes.

O proxecto conta cunha subvención da Xunta de Galicia correspondente a orde de axudas destinadas á creación e mellora de infraestruturas en poboacións inferiores aos 50.000 habitantes. A inversión supera os 100.000 euros e a subvención alcanza o importe máximo de 80.635 euros, tendo que financiar o concello o restante 20%. 

A actuación xa conta con todos os informes sectoriais favorables, tan só falta o visto bo de Patrimonio ao informe final. "Isto propicia que a nova corporación e o novo goberno que salga elixido nos vindeiros días xa ten moita tarefa avanzada en canto a estas obras", sinala Ignacio Gómez. 

Nese sentido, o rexedor municipal tamén matiza que "o goberno actual aínda segue a traballar, como se pode observar con esta xestión, e como no resto do seu traballo do que se sente orgulloso". 

Esta obra de mellora en tres céntricas rúas engádese a outros proxectos para os que o concello conseguiu financiación nas últimas semanas, concretamente para a construción do novo campo de fútbol e para o acondicionamento e embelecemento do Parque Robla,  o mirador do casco histórico, que os responsables municipais anunciaron recentemente.

Te puede interesar