Obras

O Concello de Castrelo pide o arranxo do vial de Macendo

A vía permite o acceso á parroquia de Macendo, ademais dos pobos de Freás e A Cancela e da parroquia de Astariz

O grupo de goberno do BNG en Castrelo de Miño solicita da Deputación o arranxo da estrada de Macendo, ao mesmo tempo que contesta a unhas manifestacións do PP, sinalando que "non tente desviar o foco de atención do principal problema que teñen a día de hoxe os veciños desta parroquia". Engade que o portavoz "popular", Avelino Pazos, anunciou que pretendía presentar unha moción para que o concello lle cedese o edificio do centro socio-comunitario de Macendo aos veciños, porque era a principal solicitude que lle estaban facendo.

"Estas manifestacións non son máis que un cortina de fume para tentar agochar a responsabilidade do Partido Popular no mal estado no que se atopa a estrada provincial que usan a diario os veciños", afirma o goberno local. 

Nese sentido, recorda que a estrada OU-0304 A Armada–Astariz, de titularidade provincial, é o principal eixe de comunicación dos pobos que conforman a parroquia de Macendo, a de maior tamaño e poboación do concello de Castrelo de Miño, servindo ademais de conexión coa estrada OU-402, a cal dá acceso a Ribadavia, á autovía A-52 a Ourense e á AG-53 a Santiago de Compostela.

Dita vía serve no seu percorrido a toda a parroquia de Macendo, ademais de aos pobos de Freás e A Cancela da parroquia de Astariz, que a empregan diariamente, matiza.

Te puede interesar