O Concello de Castrelo prepara un campamento de verán infantil

Está destinado a nenos de 4 a 13 anos e desenvolverase no Parque Náutico durante os meses de xullo e agosto

O Concello de Castrelo de Miño organiza unha nova edición do seu campamento de verán para os nenos de 4 a 13 anos. Con esta iniciativa, durante os meses de xullo e agosto no parque náutico de Castrelo de Miño, realizarase esta actividade lúdico-educativa para todos os rapaces do concello durante o tempo que non teñen colexio.

Con este servizo perséguese prestar unha axuda para a conciliación de todas aquelas familias, nais e pais cuxas vacacións non coincidan co período non lectivo dos seus fillos.

Este campamento de verán estará aberto en horario de 10,00 a 14,00 horas e contará cun monitor especializado para cada 10 nenos. Os monitores encárganse de dirixir o desenvolvemento de actividades deportivas, manualidades, de ciencias, numerosos xogos, iniciativas audiovisuais, sendeirismo, clases de natación na piscina e actividades náuticas, entre outras moitas previstas e que son adecuadas para que os participantes disfruten do verán e das súas vacacións.

O Concello de Castrelo de Miño xa abriu o prazo de inscrición e todos os interesados aínda se poden incorporar a este programa de conciliación familiar, inscribíndose na Casa Consistorial en horario de oficina. 

Os responsables municipais animan ás familias a anotarse nesta actividade na que os rapaces, ademais de divertirse dunha maneira segura, tamén aprenden a relacionarse e a compartir.

Te puede interesar