o ribeiro

O Concello de Ribadavia inicia a recadación para as festas

As festas serán os vindeiros 7, 8 e 9 do próximo mes de setembro

O Concello de Ribadavia inicia a recadación da cota veciñal para a Festa do Portal. A recadación levarase acabo a través de voluntarios do concello que irán perfectamente identificados e visitarán os domicilios e establecementos comerciais e de hostalería de Ribadavia. Os responsables municipais sinalan unha cuota orientativa por unidade familiar de 20 euros, tendo en conta que é voluntaria, non sendo este o caso dos negocios e establecementos comerciais, aos que o concello lles require un maior esforzo, sempre dentro das súas posibilidades.

O cartel que anuncia a data das festas, que serán os días 7, 8 e 9 do próximo mes de setembro, está xa nas rúas de Ribadavia. 

Segundo sinalan as autoridades locais, a ofrenda floral á Virxe do Portal, padroa do Ribeiro, corresponde este ano ao Concello de Melón, institución coa que xa se contactou dende o concello de Ribadavia. Desta maneira, será o novo alcalde socialista deste municipio, Emilio Díaz, o encargado desta tradicional ofrenda, para a que van rotando cada ano os concellos do Ribeiro, e que ten lugar o día da patrona na igrexa de Santo Domingo.

A concelleira responsable do departamento de Cultura, Yolanda Gómez, sinalou que "as Festas do Portal de Ribadavia 2019 intentarán levar actividade a todos os recunchos da vila, pretendemos recuperar o concepto de verbena popular e tamén a presenza de atraccións para os máis pequenos".

Te puede interesar