Axudas

O Consello informou sobre as axudas por danos do xabaril

Juan Casares (á dereita) xunto ós técnicos da Consellería de Medio Ambiente.
photo_camera Juan Casares (á dereita) xunto ós técnicos da Consellería de Medio Ambiente.
Os danos que este animal provoca nos viñedos  da Denominación de Orixe Ribeiro aumentan todos os anos chegando a converterse nunha nova preocupación para os viticultores

O edificio comarcal en Ribadavia acolleu unha charla técnica informativa sobre as axudas que a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda achega este ano para previr e paliar os danos provocados nos cultivos polo xabaril. As ordes foron publicadas no DOG do pasado 7 de febreiro.

A charla foi desenvolvida por catro técnicos da Xefatura territorial de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en Ourense, dirixidos polo xefe de servizo de Patrimonio Natural, Juan José Gómez e foi organizada polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro coa colaboración da consellería. O presidente do Consello Regulador, Juan Casares, transmitíralle hai meses á Directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, a súa preocupación polos danos do xabaríl no Ribeiro "e pedinlle un aumento das partidas orzamentarias así como unha especial sensibilidade co noso territorio", apuntou Casares. 

Segundo os técnicos, a orde comprende as indemnizacións para os danos que se comuniquen dende o 11 de outubro de 2019 ata o 10 de outubro de 2020. O prazo de presentación da solicitude de axuda será dun mes contado dende o día seguinte ao da comunicación do dano ao teléfono 012.

Os danos que este animal está a provocar nos viñedos do territorio demarcado da Denominación de Orixe Ribeiro aumentan todos os anos chegando a converterse nunha nova preocupación para os viticultores, polo que o Consello Regulador considerou necesaria esta charla informativa.

Te puede interesar