Cruz Vermella festexou as súas familias acolledoras

fabiola2_result
photo_camera Gabriel Alén, Carmen Colmeiro, Fabiola García, Felipe Ferreiro, Amparo González e Marisol Díaz.
Reuniu máis de 250 persoas en Laias, nun encontro no que intercambiaron experiencias

O Hotel Balneario de Laias foi o escenario dun encontro de familias acolledoras da Cruz Vermella. Ao acto asistiron, entre adultos e pequenos, máis de 250 persoas, e tivo como obxectivo que todos os protagonistas da xornada compartiran un día de carácter lúdico no que intercambiar experiencias. A familia acolledora é unha medida de protección á infancia que ten por finalidade que os menores sexan acollidos por persoas que lles proporcionen un fogar temporal mentres a súa familia atravesa unha situación de dificultade.

As actividades previstas pola organización celebráronse ao longo da mañá e da tarde, e incluiron unha presentación do propio programa, e unha conferencia sobre a importancia do autocoidado, centrado na importancia de que unha persoa se atope ben para poder coidar e atender a outras. Tamén houbo espazo para actividades lúdicas, e talleres. 

Existen dous tipos de acollemento, cando un dos membros da familia do propio menor se fai cargo ou cando a persoa é allea

Na xornada estiveron presentes, por outra banda, varios representantes institucionais, entre eles, a conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García; a presidenta autonómica da Cruz Vermella en Galicia, Carmen Colmeiro; o alcalde do Concello de Cenlle, Gabriel Alén, e o presidente da Cruz Vermella en Ourense, Felipe Ferreiro. Precisamente, a responsable autonómica de Política Social loubou a xenerosidade, empatía e solidariedade das persoas que participan no programa de familias acolledoras de Cruz Vermella.

Fabiola García sinalou que as administracións "teñen a obriga de actuar para garantir o dereito de todas as nenas e nenos a ter unha familia, tamén aqueles que están nunha situación de desprotección ou vulnerabilidade". Para iso, recordou, a Xunta ten en marcha "dous tipos de acollemento": en familia extensa, cando algún dos membros da familia do propio menor se fai cargo; e familia allea, cando outra unidade familiar sen parentesco con el o atende. Neste senso, a conselleira de Política Social destacou que, na actualidade, "máis de 300 familias participan en accións de acollemento alleo, o que permite a máis de 200 nenas e nenos ter garantido o seu benestar. Unhas familias que reciben o apoio da Xunta para contribuír ao coidado do menor".

Te puede interesar