A D.O. Ribeiro premia o traballo da sumiller Esther Daporta e do comunicador Franciso Gil

O xornalista, premiado polo programa "Cousas de Comer", de Telemiño

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro outorga a Esther Daporta o “Premio Muller e Viño” e ao xornalista Francisco Gil, do programa Cousas de Comer, o “Premio ao Mellor Labor de Comunicación”, na novena edición dos seus galardóns. Os Premios da D.O. Ribeiro celebraranse o venres 18 de decembro, ás 10.30 horas, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

Será unha gala distinta e híbrida, con asistencia limitada ao recinto pero aberta a todos os amigos da Denominación máis antiga de Galicia a través das súas canles de comunicación.

Esther Daporta, “Premio Muller e Viño”
Esther Daporta acada o “Premio Muller e Viño” nesta edición do 2020. A sumiller do restaurante Yayo Daporta dende 2005 é unha espelida profesional que gusta de seguir aprendendo percorrendo adegas e restaurantes de toda Europa, para dar deste xeito o mellor servizo aos clientes dun restaurante que é parada obrigatoria en Cambados, recoñecido cunha estrela Michelin ou dous soles Repsol.

Francisco Gil, de Cousas de Comer, “Premio ao Mellor Labor de Comunicación”
Francisco J. Gil, que dirixe o programa Cousas de Comer, e que se emite por Telemiño, recibirá o galardón ao mellor labor en comunicación. Dende a súa chegada no 2008 informa semanalmente da actualidade enogastronómica galega e do norte de Portugal; e ofrece reportaxes que poñen o foco nos produtores e restauradores. O programa Cousas de Comer é o decano dos programas gastronómicos de televisión. Leva en pantalla 672 semanas (contando co programa de onte, 8 de decembro). Dende o C.R.D.O. Ribeiro queren salientar especialmente a súa atención aos viticultores e adegueiros desta denominación. Gil tamén escribe en La Región sobre temática gastronómica.

Te puede interesar