emprego

Doce mozos de Ribadavia terán traballo en Europa

ribadavia emprego
photo_camera Manuel Araújo, César Fernández e Yolanda Gómez, no acto de presentación.
O Concello foi un dos elexidos para participar no programa "Galeuropa"

O municipio de Ribadavia participará no programa de mobilidade transnacional xuvenil “Galeuropa” da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado dependente da Consellería de Política Social, e a través do cal o Concello recibirá unha subvención de 52.689 euros para enviar a 12 mozos do Ribeiro a prácticas laborais, durante dous meses e medio, a tres cidades de tres países diferentes, concretamente, Sofía (Bulgaria), Lisboa (Portugal) e a poboación deFaenza (Italia).

Ribadavia convértese, deste xeito, no único municipio de Galicia que, participando de xeito individual, acadou esta subvención para mobilidade transnacional de mozos inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Os pormenores desta programación foron presentados este martes no salón de plenos da Casa do Concello ribadaviense, acto no que participaron o alcalde, César Fernández; a concelleira de Cultura, Yolanda Gómez, e o director da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), Manuel Araújo.

As persoas interesadas neste proxecto de mobilidade transnacional "Galeuropa" deben estar inscritas no devandito sistema e se desexan participar teñen que remitir un correo electrónico ao enderezo [email protected].

César Fernández sinalou que “dende o goberno municipal apostaremos de xeito firme por potenciar o papel da OMIX como impulsora de politicas dinamizadoras da xuventude, porque consideramos que a administración municipal debe traballar a prol do desenvolvemento persoal da mocidade". O alcalde engadiu que, "con programas coma este estamos a posibilitar que a mocidade de Ribadavia e da comarca do Ribeiro poida vivir experiencias formativas e laborais no estranxeiro co enriquecimento persoal que isto supón”.

Te puede interesar