O RIBEIRO

Educación executará novas obras no colexio de Castrelo

Colexio público de Castrelo de Miño.
photo_camera Colexio público de Castrelo de Miño.

As obras, cuxo importe é de 25.000 euros, estarán executadas antes do inicio do novo curso escolar

A Consellería de Educación executará as obras de renovación dos baños no colexio público de Castrelo de Miño. Tras a reforma integral da carpintería exterior o pasado ano para mellorar a eficiencia enerxética do centro, a nova intervención é unha demanda da comunidade educativa do centro e do Concello de Castrelo de Miño.

As obras, cuxo importe é de 25.000 euros, serán realizadas ao finalizar o actual periodo lectivo, para estar executadas antes do inicio do novo curso escolar.

O alcalde en funcións de Castrelo de Miño, Xurxo Rodríguez Méndez, manifestou o seu agradecemento á Consellería de Educación, tras recibir a comunicación nestes días, por escoitar as demandas plantexadas desde o concello e poñerlle solución. Destacou tamén o bo entendemento e a colaboración entre a entidade local, a Consellería de Educación e a Delegación Territorial, "que permitiu mellorar notablemente as condicións do centro polo ben dos alumnos nos últimos anos", sinalou o rexedor municipal, tendo en conta que se trata dunha reclamación da comunidade educativa.

A consellería contempla, a través do programa de reforma, ampliación e mellora dos centros publicos de Educación Infantil e Primaria, diversas obras para contribuír á conservación, mantemento e mellora da funcionalidade e operatividade dos centros de ensino públicos de titularidade e compentencia municipal, contribuíndo ao adecuado desenvolvemento das actividades docentes ao tempo que se evita o deterioro dos inmobles.

A traves destas actuacións posibilitase a adaptacion das edificacións ás novas demandas da comunidade educativa, reparando e mellorando as dotacións e instalacións dos edificios do CEIP.

Te puede interesar