Eirasenda pide un plan de emerxencias para Carballeda

A asociación cultural solicita ao pleno a construción dun heliporto no pobo de beiro

A Asociación Cultural Eirasenda, con sede social en Beiro de Abaixo, en Carballeda de Avia, presenta unha proposta ao pleno municipal mediante a que solicita a execución dun plan de ordenación de emerxencias que contemple diferentes puntos de localización para a asistencia aérea nos distintos núcleos de poboación e parroquias do Concello de Carballeda de Avia, e concretamente a construción dun heliporto na parroquia de Beiro, xa que carece actualmente dun punto co mínimo de condicións para a aterraxe. A entidade propón a súa ubicación nas inmediacións de Santa Lucía. 

O presidente de Eirasenda, Abdón Fernández, sinala que a asociación acordou facer esta petición "tendo en conta a actividade económico laboral agraria, a industria das canteiras, a gran extensión de terreos abandonados ou dedicados a monte e que en consecuencia se vén afectados frecuentemente pola lacra dos lumes, a alta densidade poboacional na terceira idade ao que se suma unha situación xeográfica e orográfica con maiores dificutades para a mobilidade". Todo esto, engade que "fai deste concello unha área sensible e propensa á accidentalidade". 

Así mesmo, matizan desde a asociación que a proposta ao pleno se fai "co ánimo de contribuír a mellorar a calidade de vida da vecindade, así como a mellora das infraestructuras que afectan á asistencia de emerxencias", polo que propoñen a elaboración dun proxecto de emerxencias.

Te puede interesar