o ribeiro

Emilio Rojo é o galardoado co premio “Vida entre vides"

Emilio Rojo
photo_camera Emilio Rojo, gañador do premio "Vida entre vides" da Denominación.

O Consello Regulador valora o carácter propio dos seus viños e que sempre apostou polas castes

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro decidiu outorgar o seu Premio "Vida entre Vides" ao colleiteiro Emilio Rojo Bangueses, de Arnoia, que puxo a andar no 1997 o proxecto vitivinícola que leva o seu nome e suma máis de 30 anos como viticultor e produtor na Denominación de Orixe Ribeiro.

Segundo valora o Consello Regulador para darlle este premio, trátase de "un proxecto no que o seu saber e aposta pola calidade colocaron aos seus viños nas mellores mesas e cartas, cunha proposta persoal, sempre buscando a excelencia e diferenciación, na que as súas botellas acaban por estar comprometidas mesmo antes de seren embotelladas". 

Así, foi elexido porque desde sempre Emilio Rojo apostou polas castes autóctonas; o carácter propio nos viños e o coñecemento profundo dos viñedos e da riqueza e pluralidade enolóxica coas que contan as terras do Ribeiro.

A súa adega acaba de ser incorporada a de Pago de Carraovejas, a coñecida marca de Ribera del Duero, cuxo director, Pedro Ruiz, confirmou nestes días que se manterá a mesma produción na elaboración dun gran viño blanco que competirá nos mercados nacionais e internacionais.

Emilio Rojo engádese deste xeito á lista de gañadores do premio "Vida entre vides", que conta co viticultor Avelino Lorenzo; con Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma, e máis con Manuel García Montero, socio fundador e promotor da Cooperativa Vitivinícola Pazo do Ribeiro, actualmente coñecida como Viña  Costeira.

O galardón foi creado polo Consello Regulador para salientar o traballo e servir de homenaxe e recoñecemento ao traballo dos viticultores e adegueiros da D.O. Ribeiro que, co seu esforzo e dedicación, foron pioneiros na modernización e avance desta denominación de orixe, a máis antiga de Galicia.

A gala da entrega dos Premios DO Ribeiro celebrarase o próximo 18 de xuño, a partir das 19,30 horas, no Mosteiro de San Clodio, no municipio de Leiro.

Te puede interesar