Os futuros médicos fórmanse en terapias termais en Laias

Piscina del balneario de Laias, ubicado en el concello de Cenlle.
photo_camera Piscina del balneario de Laias, ubicado en el concello de Cenlle.

No marco da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, o balneario de Laias (Cenlle) acolle esta fin de semana unhas xornadas centradas na aplicación da balneoterapia para a prevención das secuelas provocadas pola insuficiencia vascular. Un grupo de futuros médicos da Universidade de Santiago, que se están a formar na cura termal, coñecerán as aplicacións das terapias con augas mineromedicinais para abordar este tipo de doenzas.

A coordinadora deste seminario é a doutora Dolores Fernández Marcos. É médico especialista en hidroloxía médica e directora médico de Caldaria, que aglutina os balnearios ourensáns de Arnoia, Laias e Lobios. Indica que “a patoloxía venosa crónica ten unha incidencia elevada, sobre todo no sexo feminino”. Nesta liña, salienta que o 77% das mulleres maiores de 70 anos sofre insuficiencia venosa crónica, en particular nos membros inferiores. Isto conleva a aparición de edemas nos nocellos e nas pernas, que non desaparecen co paso do tempo; a pel tórnase escura e seca, e pode abrirse até a aparición de úlceras que non cicatrizan segundo avanza a enfermidade.

A doutora Fernández Marcos explica que as propiedades das augas mineromedicinais -en especial as sulfurado sódicas, clorurado sódicas e bicarbonatadas cálcicas- melloran o trofismo dos tecidos do organismo e a cicatrización. Ademais, sinala que este tipo de aguas son antisépsicas, o que contribúe ao tratamento destas lesións, xunto coas medidas hixiénico-posturais e nutricionais como medida preventiva nas primeiras fases da enfermidade. 

A cura balnearia aplica técnicas que melloran a circulación de retorno como a hidrocinesiterapia -realización de exercicio físico na auga-, pediluvios, pasillos de marcha, duchas circulares e a balneación en xeral, a unha temperatura entre 34 e 37 ºC.

As xornadas comezan hoxe, ás 16,30 horas cunha sesión teórica e rematan o sábado cunha sesión práctica no balneario.

Te puede interesar