ELECCIONES

Gabriel Alén confirma que optará á Alcaldía de Cenlle

Manuel Abaltar e Gabriel Alén Castro estréitanse a man na sede del PP.
photo_camera Manuel Abaltar e Gabriel Alén Castro estréitanse a man na sede del PP.

O presidente do PP, Manuel Baltar, destacou o seu labor no ámbito do termalismo deportivo

O actual alcalde de Cenlle, Gabriel Alén Castro (Ourense, 1977), liderará unha vez máis a lista do Partido Popular nese concello co obxectivo de conseguir, nas eleccións locais de maio, unha terceira maioría absoluta. Así o confirmou onte o presidente provincial do PP, Manuel Baltar, para quen un novo mandato do alcalde de Cenlle “permitirá reforzar o gran labor feito nestes anos en ámbitos tan estratéxicos para o concello, pero tamén para a provincia, como o termalismo”.

Coa súa designación, Alén Castro optará por terceira vez á alcaldía, para que “desde a estabilidade da política local nos permita, logo de dous mandatos, consolidar todos os proxectos e investimentos que puxemos en marcha nestes anos”, citando como próximos obxectivos “potenciar o enoturismo e por suposto todo o relacionado co termalismo e a auga”. En definitiva, incidiu Manuel Baltar. en “loitar polo desenvolvemento do municipio aproveitando todo o potencial que ten e ofrece Cenlle, para sitúalo como se merece no mapa provincial e galego”.


Agradecemento


O candidato agradeceu o apoio da xunta local dos "populares" de Cenlle, destacando a súa satisfacción “logo de comprobar que existía un sentir nas bases para que liderara de novo a lista”. Un agradecemento que remarcou subliñando “a confianza que atopei sempre no meu partido e o máis absoluto respaldo do seu presidente provincial”.

“Confianza mutua” foi a resposta de Manuel Baltar ás palabras de Gabriel Alén, do que destacou non só a súa implicación no concello, “senón a súa capacidade para comprender e traballar por un concepto máis amplo como o de provincia”.

Nese sentido, referiuse o presidente provincial do partido ao compromiso demostrado por Gabriel Alén con proxectos estratéxicos para a provincia no ámbito do termalismo deportivo, “como o centro de entrenamento de remo ou o enorme esforzo realizado durante a Vuelta a España 2016”. “Esta é unha característica máis que nos diferenza do resto de formacións políticas, pois os homes e mulleres do Partido Popular son quen de loitar polo seu concello, sendo conscientes de que forman parte dun territorio moito máis amplo que é a nosa provincia”, engadiu Manuel Baltar.

Potenciar o termalismo, o enoturismo, mellorar as comunicacións e loitar contra a despoboación son algúns dos retos nos que traballa o actual alcalde de Cenlle.

Te puede interesar