O Ribeiro

O goberno de Castrelo afirma que o servizo de bus era ilegal

O Ribeiro

Concello

O goberno de Castrelo afirma que o servizo de bus era ilegal

o alcalde asegura que o autobús funcionaba sen autorización do Servizo de mobilidade da Xunta

O grupo de goberno do concello de Castrelo de Miño sinala a existencia de "graves irregularidades do anterior equipo de goberno do BNG en materia de transporte municipal". O alcalde "popular", Avelino Pazos, afirma que tras a consulta ao Servizo de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para coñecer a situación administrativa do servizo de Castrelo Bus, recibiu a resposta de que non constaba ningunha solicitude do Concello de Castrelo de Miño.

"Ante esta manifesta ilegalidade do anterior grupo de goberno", segundo matiza o rexidor, o seu equipo está a estudar a posibilidade de iniciar medidas legais contra os anteriores xestores. Avelino Pazos manifestou a súa intención de chegar "ata onde faga falta para delimitar a responsabilidade de cada quen, pois puxeron en risco a integridade de todos os veciños do noso concello, sobre todo dos cativos e dos nosos maiores".

Desde o ano 2011, data en que se iniciou o expediente da ordenanza reguladora do prezo público polo servizo de transporte municipal, o informe de secretaría-intervención "xa advertía que non se cumprían os requisitos necesarios", apunta o alcalde. E engade que por iso foi necesario suspender o servizo provisionalmente para buscar solucións legais.