política local

O grupo Ribeiro en Común insta á creación dun punto limpo

Este grupo político alerta da falta de seguridade do almacén de lixo da Foz, onde estes días ardeu un colector

A falta dun enclave en Ribadavia para o depósito de residuos para reciclaxe motivou onte ó grupo municipal de Ribeiro en Común á presentar unha moción para o debate plenaria na que os seus concelleiros solicitan a creación dun Punto Limpo e o acondicionamento dos espazos que están destinados ó depósito do lixo. Dende esta formación política da Corporación ribadaviense lembran que "os puntos limpos son instalacións cun equipamento axeitado para a recepción, separación selectiva e almacenamento temporal de residuos de orixe doméstica de especiais características, algo do que non dispón Ribadavia".

Ademais, engaden que nestas instalacións "sepáranse os distintos residuos segundo a súa tipoloxía, facilitando o seu tratamento e valorización posterior", evitando así que o seu destino final sexan os vertedoiros, a rede de sumidoiros pública ou calquera outro punto de vertido incontrolado, favorecendo a protección e mellora do medio ambiente. O grupo de Ribeiro en Común reclama tamén "que se solucione a situación desastrosa na que se atopa a instalación da Foz, así como da área que se utiliza na estación de tren, onde se acumulan residuos e colectores xa que o estado no que se atopan estes dous espazos non é de recibo, nin tampouco seguro, tal e como se demostrou no recente incendio do lixo nun dos colectores".

Neste sentido, este grupo da oposición municipal propón traballos de desbroce, limpeza e ordenación de todo o material acumulado nestas dúas zonas empregadas polo noso Concello, así como a retirada urxente nesta época de temperaturas altas de todo o material máis facilmente inflamable. E lembran que é unha zona moi próxima ao monte comunal de San Paio, que podería correr risco de incendio.

Te puede interesar