O RIBEIRO

Os grupos veciñais ven preciso superar o ámbito municipal

Representantes da Rede de Candidaturas de Ourense celebraron unha xuntanza en Ribadavia

A Rede de Candidaturas Veciñais de Ourense deseñou onte en Ribadavia unha estratexia común de cara a citas políticas inmediatas, fundamentalmente de cara ás vindeiras eleccións autonómicas. Representantes das distintas agrupacións reuníronse onte pola tarde no local social de Ribadavia, co fin de continuar co traballo de colaboración e coordinación.

Tras remarcar a súa vocación de compartir problemáticas e necesidades "para poñer en común solucións desde cada un dos concellos", a Rede engade que son "conscientes de que únicamente desde o ámbito municipal non virá a solución a todas as nosas problemáticas actuais". 

Por iste motivo e diante dunha hipotética repetición das eleccións xerais e das vindeiras eleccións autonómicas, "estamos obrigados a plantexarnos a nosa colaboración e coordinación máis aló do ambito municipal". Os asistentes á reunión concluíron no feito de que "existe unha demanda de participación" e que resulta "necesario que existan espazos de participación no nivel máis próximo á cidadanía". Sinalan, así mesmo, que é "imprescindible que exista un único espazo de confluencia para os vindeiros procesos electorais", sinalando ao traballo que se está a facer para unha Marea Galega.

Por último, os asistentes pronunciáronse por unanimidade "arredor da continuidade do espaso de Rede Ourense como lugar de debate e coordinación entre as diferentes mareas e candidaturas veciñais que a compoñen".

Te puede interesar