Unha homenaxe póstuma lembrará ó poeta de Cenlle Xosé Carlos Gómez Alfaro

O Centro PEN Clube Galicia organiza para hoxe unha homenaxe ó poeta de Cenlle, Xosé Carlos Gómez Alfaro, que finou o pasado ano no Día das Letras Galegas. Os actos empezarán ás 12 horas na casa natal do poeta, nas Chavolas (Cenlle), co descubremento dunha placa e a semblanza do escritor a cargo do profesor Xesús Alonso Montero e do alcalde deste municipio, Manuel García Montero.
Ás 13.15 horas, na Casa da Cultura de Ribadavia terá lugar o acto literario de presentación de dous libros recopilatorios da obra de Xosé Carlos Gómez Alfaro. Intervirán Luis González Tosar, presidente do Centro PEN Clube Galicia; o director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, Xosé Carlos Sierra; e o encargado da edición, Román Raña Lama.

A continuación está previsto un recital poético-musical con Miro Villar, Ramón Nicolás, Xosé Gregorio Ferreiro Fente, Miguel Anxo Fernán Vello, Helena de Carlos, Víctor Campio Pereira, Xosé María Álvarez Cáccamo e Xesús Alonso Montero.

A clausura corresponderalle ó director xeral de Creación e Difusión da Cultura, Francisco López Barxas, e o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco. A organización conta coa colaboración dos concellos de Cenlle e Ribadavia, coa Deputación de Ourense, coa Consellería de Cultura e Turismo e co Xacobeo 2010.

Te puede interesar