O Ribeiro

O IES O Ribeiro consigue un Bacharelato na rama de Artes

O Ribeiro

formacion

O IES O Ribeiro consigue un Bacharelato na rama de Artes

A solicitude da ANPA contou co respaldo das corporacións de Carballiño e Ribadavia, entre outros apoios

O IES O Ribeiro suma ás ensinanzas de Bacharelato a modalidade de Artes para o curso 2019/2020. A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) quere transmitir o seu agradecemento a todos os que contribuíron a súa concesión "porque é unha indubidable mellora na oferta educativa, pero sobre todo porque o alumnado das comarcas do Carballiño e do Ribeiro que queira cursalos o poida facer sen ter que desprazarse diariamente ate Ourense ou Vigo", sinala a asociación.

Esta iniciativa foi xestada e coordinada co Departamento de Artes Plásticas do centro ao que a ANPA mostra o seu agradecemento así como a Acisclo  Manzano, á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e á Real Academia Galega de Belas Artes. "Ao tempo, somos conscientes de que seguramente este anuncio se demoraría, se non fora polo decidido apoio do pleno da anterior corporación municipal de Ribadavia, así como do seu actual alcalde Cesar Fernández e do seu predecesor no cargo Ignacio Gómez, sumado ao do pleno do Carballiño ao alcalde, Francisco Fumega, que presentaron sendas mocións solicitando o transporte público entre as dúas comarcas". 

Ademais, tamén colaboraron as ANPAS dos centros Chamoso Lamas e nº1 do Carballiño, "así como a dirección do nº1 quen redactou un escrito co que apoiaba a medida polos beneficios que tamén suporá para o alumnado desa comarca", segundo manifestan desde a directiva.