O Ribeiro

O IES O Ribeiro estreou este curso o Bacharelato de Artes

O Ribeiro

Formación

O IES O Ribeiro estreou este curso o Bacharelato de Artes

Carmen Ponar e o alcalde de Ribadavia, César Fernández cun alumno.
photo_cameraCarmen Ponar e o alcalde de Ribadavia, César Fernández cun alumno.
Ademais, é un dos dous centros de ensino galegos que oferta o ciclo de grao medio de Formación Profesional en aceites de oliva e viños 

A Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, visitou este mércores o IES O Ribeiro interesándose polo funcionamento do Bacharelato de Artes, que se implantou este ano por primeira vez neste centro educativo, o que permite que o alumnado da comarca e de outras próximas que desexe cursar estas ensinanzas non se teña que desprazar a Ourense ou Vigo. 

Carmen Pomar salientou do IES O Ribeiro a súa ampla traxectoria, de máis de medio século, como centro de referencia na comarca. Ademais  destacou tamén a estreita relación do centro coa realidade socioeconómica da contorna. Non en balde, este centro educativo é un dos dous centros de ensino galegos que oferta o ciclo de grao medio de Formación Profesional en aceites de oliva e viños e un dos catro que imparte o de grao superior en Vitivinicultura. 

Así mesmo, conta na súa oferta cos graos básicos de Industrias alimentarias e de Mantemento de vehículos e co grao medio en Electromecánica de vehículos automóbiles, o que permite configurar un itinerario completo para o alumnado de FP nunha destas dúas ramas profesionais. 

A titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia aproveitou a súa estancia no centro para felicitar ademais á comunidade educativa pola súa implicación en diferentes e interesantes programas como o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) ou os Clubs de Lectura. 

Así mesmo, Carmen Pomar tamén destacou que o IES O Ribeiro incorporouse ao proxecto de libro dixital E-Dixgal no curso 2018/2019 e desenvolveu o programa Paisaxe e sustentabilidade, do Plan Proxecta.