RIBEIRO

O Museo do Viño de Galicia abre como referente cultural

O presidente da Xunta inaugurou as instalacións ubicadas na antiga reitoral de Santo André

O Museo do Viño de Galicia abriu onte as súas portas ó público tras catro anos de obras de rehabilitación da antiga casa reitoral de Santo André de Camporredondo, no municipio de Ribadavia e en pleno corazón da comarca do Ribeiro. Unha xornada inaugural na que participou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e os conselleiros de Cultura e Medio Rural, Román Rodríguez e José González, ademais do presidente da Deputación, Manuel Baltar, xunto cos responsables dos consellos reguladores das cinco Denominacións de Orixe vitivinícolas, deputados no Congreso e representantes municipais.

O propio director do museo, César Llana, exerceu a tarefa de anfitrión e agradeceu o traballo desenvolto "por tódalas persoas e institucións que contribuíron a que este centro cultural sexa unha realidade", agradecemento ó que se sumou o alcalde de Ribadavia, César Fernández, que asegurou que "hoxe somos aínda máis a capital do viño de Galicia". Pola súa banda, Manuel Baltar destacou o auxe "do enoturismo e do turismo cultural, polo que haberá que seguir pensando no viño coma un dos grandes sectores estratéxicos da provincia de Ourense".

Núñez Feijóo, que realizou cos seus acompañantes un percorrido polas salas da antiga reitoral, foi o encargado de pechar o acto, suliñando ó Museo do Viño como "o gran escaparate da nosa cultura vitícola e a casa común dos viños de Galicia". O presidente do Goberno autonómico engadiu que as instalacións museísticas recuperan e poñen en valor unha parte importante do legado de Galicia a través dunha actividade milenaria; amosa a historia e a paisaxe do viño, e visibiliza o traballo de mulleres e homes viñateiros que teñen neste museo un lugar onde verse representados".

Ademais, Alberto Núñez destacou o potencial dos productos agroalimentarios de calidade en Galicia, "que supoñen un volumen de negocio de 450 millóns de euros anuais, dos cales 200 millóns están vencellados ó sector vitivinícola".

Finalmente, o responsable da Xunta lembrou a iniciativa e colaboración das cinco denominacións de orixe, as cinco rutas do viño e os profesionais do Museo Etnolóxico de Ribadavia para poñer o museo en marcha, e comentou que a Xunta está a traballar co Concello de Ribadavia para deseñar un aparcamento axeitado ás necesidades do Museo.


Sete salas para sete contidos


O espazo monográfico do museo está dividido en sete salas de exposicións correspondentes a outros tantos contidos: os territorios vitícolas e a humanización da paisaxe agraria modificada por este cultivo desde a Idade Media; as actividades da viticultura; as denominacións de orixe; as variedades vitícolas; a comarca do Ribeiro; a produción en mosteiros, granxas e priorados; e un último ámbito centrado no traballo da adega. O presidente do Goberno galego destacou que a Xunta destinou máis de 1,1 millóns de euros para rehabilitar a reitoral de Santo André , onde se empraza o centro, e máis de 700.000 euros para a instalación do proxecto expositivo e actuacións de museografía, polo que o investimento total ascendeu a 1,8 millóns de euros.

O acceso ao Museo do Viño de Galicia é gratuíto, cun horario entre venres e domingo de 10,00 a 14,30 horas, e de 17,00 a 20,30 horas polas tardes, mentres que o xoves só está aberto en horario de mañá.  Ademais, as instalacións serán dotadas dunha aplicación interactiva para dispositivos móbiles, que  os visitantes poden utitlizar como ferramenta para coñecer o propio museo, as cinco Denominacións de Orixe do Viño de Galicia e as cinco Rutas do Viño existentes na actualidade.

Te puede interesar