OBRAS

Investidos máis de 150.000 euros en obras de arranxo de camiños no rural ribadaviense

O concello aporta os materiais de obra e o gasóleo para a maquinaria que manexan os operarios da Deputación

O plan de acondicionamento de camiños e rúas no rural do municipio de Ribadavia rematará a semana que vén despois de mes e medio de obras nas que o Concello contou coa colaboración da Deputación provincial. Deste xeito, foron unha decena de infraestructuras viarias as que se reformaron tanto no perímetro urbán da vila ribadaviense como nas parroquias de Francelos, San Paio e San Cristovo.

Concretamente, os traballos de  mellora do firme destes viales chegaron a tres pistas en Ribadavia, dous camiños en Prexigueiro (Francelos),  un camiño e unha rúa en San Cristovo e outro camiño en San Paio. O concelleiro de Obras, Javier Iglesias, comenta que "nós poñemos o material e o combustible e a Deputación aporta a maquinaria e a man de obra".

E aínda que das arcas municipais saen 25.000 euros, "cos materiais e o gasóleo calculamos que o desembolso vai a un 30% do orzamento global do plan de cooperación, que pode sumar unha cantidade aproximada de 150.000 euros", apunta o concelleiro socialista.

O obxectivo da execución destes proxectos é contribuir a que os veciños do rural do municipio dispoñan dunhas infraestructuras axeitadas para acceder ás súas vivendas e tamén poder trasladarse sen problemas a pé ou en vehículos entre os diferentes núcleos de poboación. Ó respecto, Javier Iglesias considera que "os veciños destes pobos agora están satisfeitos, porque tivemos a oportunidade de poder atender as súas demandas co apoio da Deputación provincial". Os traballos iniciáronse nos primeiros días do mes de xullo e tiveron continuidade ó longo deste mes de agosto. Precisamente, onte rematábase en San Cristovo o asfaltado do Camiño do Muíño, un dos últimos deste programa. 

Te puede interesar