EMPREGO

A maioría dos sectores pecha 2015 con creación de emprego

photo_camera Ignacio Gómez e José Manuel Rodríguez durante a presentación do observatorio económico.

A viticultura fai que o mercado laboral medre unha media do 3,5% coincidindo coa recollida da uva

O xerente do INORDE, José Manuel Rodríguez, fixo públicos os resultados do Observatorio Económico Ourensán de Ribadavia e  comarca. Estivo acompañado polo rexidor, Ignacio Gómez, asistindo concelleiros e representantes de distintos sectores da zona. O Ribeiro cuantifica nunha media do 3,5% o crecemento neto que experimenta o mercado laboral coincidindo cada ano coa campaña de recollida da uva. O repunte comarcal das afiliacións entre xullo e setembro deuse incluso nos anos nos que a crise económica foi máis devastadora, apuntando José Manuel Rodríguez que “a viticultura fixo posible que O Ribeiro experimentara no terceiro trimestre de 2015 a creación dun 3,1% de emprego neto grazas ao efecto das vendimas". 

Nese senso, engadiu sobre as contratacións, que o emprego local creceu un 5,4% no terceiro trimestre de 2014, un 2% no de 2013 e un 3,2% no de 2012”, e puntualizando que este comportamento cíclico do sector agrícola “é practicamente exclusivo da comarca do Ribeiro". 

O observatorio indica que o sector agrícola tivo un saldo neto de 40 novos empregos no terceiro trimestre de 2015, que equivale a un incremento do 10,3%. Mentres que no conxunto da economía, conclúe que O Ribeiro creou un 0,8% de emprego neto en 2015, a sexta mellor marca da provincia e un valor idéntico ó da media ourensá. 

En taxa interanual, no acumulado de todo o ano 2015, a maior creación neta de emprego correspondeulle á construción, que recuperou un 7,8% de afiliados, seguido polo sector industrial, cunha subida do 1,7%. A agricultura tamén pechou en positivo, cun aumento do 0,3%, mentres que o sector servizos rexistrou unha mínima baixada do 0,2%. Con estas variacións, o mercado local recuperou a barreira dos 4.500 postos de traballo, nivel que non se daba desde decembro de 2014.

POSITIVA EVOLUCIÓN DO PARO EN RIBADAVIA

O Observatorio Económico da Deputación salienta positivamente a evolución do paro na cabeceira de comarca. Sinala que a taxa acumulada de Ribadavia é tres veces inferior á da provincia de Ourense e catro veces máis baixa que a de Galicia. Sitúase ademais dentro das cinco cabeceiras ourensás con mellor evolución, xunto con Bande, Celanova, Pobra de Trives e Viana.

Por outra parte, a taxa de cobertura das pensións contributivas entre os maiores de 65 anos residentes no Ribeiro acada o 80,7%, polo que está lixeiramente por enriba da media provincial (79,6%) e galega (78,5%). Os pensionistas representan o 35,1% da poboación total, seis puntos máis que no conxunto da provincia e 11,5 puntos máis que en Galicia. Mentres, a pensión media no Ribeiro é de 687 euros, a quinta máis baixa entre as comarcas ourensás.

Te puede interesar