TURISMO

Máis de 204.000 turistas visitaron Ribadavia en 2016

Turistas en Ribadavia
photo_camera O Castelo dos Sarmiento é un dos importantes reclamos turísticos.

A cifra estimada pola Oficina de Turismo supón un lixeiro aumento con respecto aos 203.000 de 2015

A Oficina Municipal de Turismo de Ribadavia realizou un estudo da evolución do turismo neste municipio do Ribeiro desde o ano 2011, constatando un incremento progresivo, que só baixou no 2013 por causa da crise económica. Este informe ademais de reflexar o número de usuarios que entraron na oficina a pedir información durante o periodo do 1 de xaneiro de 2011 ao 31 de decembro de 2016, ten en conta a afluencia total de turistas e visitantes a Ribadavia atendendo aos diferentes eventos e servizos coma a Festa da Istoria, a Feira do Viño, a Mostra de Teatro ou as Termas de Prexigueiro.

Tense en conta tamén o ratio de persoas que veñen visitar o conxunto histórico de Ribadavia a diario, e que non pasan pola oficina de turismo, sendo o ratio de 2’5 x 10 (de cada dez persoas que pasan por diante da oficina de turismo só entran dúas e media).

Deste xeito, no 2011 rexistraron 167.932 turistas e visitantes e a partir dese ano continuou a alza con 181.420; no 2013 baixa a 145.500, e posteriormente segue con 184.180, 203.744 e xa no 2016 con 204.816 persoas.

Nos derradeiros seis anos pasaron por Ribadavia 1.087.592 turistas e visitantes, dos que en todo este neste tempo, o 85 % do turismo é español, sendo os galegos co 40 % os que máis numerosos, seguidos dos madrileños, 25%; os cataláns 15%, e os andaluces, 9%. Asemade, o número de visitantes doutros países, que supoén 15%, vai en aumento e sinala ó mercado francés, alemán e norteamericano coma os mellor posicionados, xunto co inglés, para ser potenciado. 

As demandas máis importantes son a visita ao conxunto histórico, onde xantar, as Termas de Prexigueiro, visita a bodega e viñedos, e sendeirismo de rutas para visitar aldeas históricas, viñedos, bosques autóctonos, zonas de baño ou termas.

No 2016, a maioría de turistas foron nacionais, que representan o 90,98 % do total, cun 40,54 % de galegos, seguidos polos madrileños cun 13,53%; e cataláns, casteláns leoneses cun 5,7 % e un 6,89%. 

Falta de promoción da comarca

Un dos grandes problemas que ten Ribadavia e máis a comarca do Ribeiro e a ausencia dunha promoción institucional forte e prolongada no tempo, tal como acontece con outros destinos galegos, segundo indica o informe da Oficina Municipal de Turismo. Engade que a falta de promoción da comarca como destino turístico fai inviable a proxección turística da zona, "onde nos atopamos que cada Concello anda ao seu", matiza. Tamén asegura que é preciso apostar e potenciar a Ruta do Viño do Ribeiro, como punta de lanza na oferta enoturístca da comarca, cunha oferta de adegas e puntos onde poder disfrutar dunha experiencia enogastronómica singular e ben artellada. Outra demanda dos amantes da viticultura é dispor dun local ou museo onde poder coñecer a cultura do viño e degustar diferentes marcas, unha función do futuro Museo do Viño.

Te puede interesar