La Región

ELECCIÓNS MUNICIPAIS

Maite Rodríguez, candidata do BNG á alcaldía de Ribadavia

Entre as medidas do partido destaca a promoción do desenvolvemento das capacidades produtivas e o incremento do sector vitivinícola e forestal

Maite Rodríguez.
Maite Rodríguez.
Maite Rodríguez, candidata do BNG á alcaldía de Ribadavia

O BNG de Ribadavia nomeou a Maite Rodríguez como cabeza de lista pola formación nacionalista aos comicios municipais do vindeiro 26 de maio. A candidata á alcaldía asume este proxecto con ilusión "como fago noutros colectivos culturais e veciñais nos que participo na localidade onde vivo e traballo". Asemade, destacou que "é un reto difícil pero conto cunha calidade humana excelente das persoas que me acompañan na candidatura".

Sobre os obxectivos, manifesta que esta candidatura nacionalista loitará por renovar o concello e "reforzaremos as políticas sociais para combater a pobreza e o empobrecemento". Ademais, quere fomentar a implantación de comercios e servizos no casco histórico e aplicará medidas como a posta en valor dos espazos do centro medieval. Tamén se refire Maite Rodríguez, "a crear espazos de convivencia veciñal onde os peóns sexan a prioridade, e estudaremos a actual normativa de trafico para artellar medidas que incrementen o espazo para aparcar sen invadir as zonas monumentais".

Dende o BNG queren promover o desenvolvemento das capacidades produtivas e o incremento do sector vitivinícola e forestal. "Poremos en marcha un plan de choque contra o desemprego xuvenil e medidas en favor das mulleres e persoas con diversidade funcional".